mércores, 21 de xaneiro de 2009

50 Aª DA PARROQUIA DE AGUIÑO


............................
IMAXE INSTITUCIONAL DO 50 ANIVERSARIO

Xa está elexido o logo que identificará os actos programados dentro das celebracións do 50 Aniversario da fundación da Parroquia de Aguiño, representa o campanario da Igrexa Parroquial, por entender que é un símbolo do pobo, da vila mariñeira, pois ten forma de ponte de embarcación, e foi único por ter gravado no cemento e pintado o escudo e a bandeira de Galicia no ano 1967 no que foi inaugurada a Igrexa do Carme de Aguiño. Este logo foi elexido nunha asamblea realizada o 7 de xaneiro de 2009 en Aguiño, a onde acudiron representantes da ACRV Francisco Lorenzo Mariño, Sagres, Ardora, ANPA, Dourixeira, Xuventú Aguiño, Comisión de Festas, Aguieiro, Pensionistas de Xubilados do mar, Confraría de Pescadores/as e PAX in Requiem. Entendemos que non representa unicamente o sentido relixioso e cristián do aniversario, senon tamén á parroquia como comunidade, entendidad como unha poboación unida independentemente de crenzas e ideoloxías por un fin común, sentirse aguiñenses e conmemorar a identidade propia do noso pobo.


Decidíuse que este símbolo irá en todos os eventos e actividades que organicen estas asociacións en Aguiño durante este ano 2009, sexan actos propios da efeméride ou os tradicionais celebrados anualmente polo tecido social da parroquia. Tamén que non se creará un Comité Organizador, e que o peso dos actos recaerá na Asociación Francisco Lorenzo Mariño, que realizará entre outros, de xeito individual ou co apoio das outras entidades, a Semana Cultural de Xaneiro, os actos institucionais do 9 de maio, a web de aguiño (http://www.aguiño.com/), un concerto e unha representación teatral conmemorativa, un certame literario, unha publicación sobre a historia de Aguiño e a XXXII Romaxe de Crentes Galegos en setembro en Couso en colaboración con Irimia. O resto das entidades de Aguiño tamén se volcarán con este efeméride, pero doutro xeito, apoiando na organización de actos concretos á nosa asociación e incluíndo nas súas propias actividades a imaxe institucional desta Celebración.

..........................

APUNTAMENTOS SOBRE A CREACIÓN DA PARROQUIA


Porto de Aguiño no ano 2006

A Parroquia de Aguiño foi segregada de San Paio de Carreira o 9 de maio de 1959 mediante Decreto Arcebispal asinado polo Cardenal Quiroga Palacios, Arcebispo de Santiago, logo da solicitude realizada polo párroco de Carreira, Don Alejandro, e motivando a segregación na imposibilidade de atender a tanta poboación e lugares tan afastados entres si. A división dou lugar a unha parroquia de 4,7 km2, lindando ó norte con Carreira, ó leste coa Ría de Arousa e Castiñeiras (con esta última parroquia a partir de 1967), ó sur co Océano Atlántico e ó oeste co comezo da Costa da Morte. Os lugares segregados foron Listres, Graña, Couso, Porto, Tasca, Cerca e Sálvora, contaba con 1800 veciños/as, na actualidade pasa dos tres milleiros. Constituiuse como Parroquia de "Ascenso" con dereito a Párroco e coadxutor, casa rectoral, templo e rendas pertinentes, baixo a advocación de Nosa Señora, a Virxe do Carme, Patrona dos Mariñeiros e as xentes do mar.

.................................

OS PÁRROCOS E CURIOSIDADES DA IGREXA DE AGUIÑO


Busto de Don Francisco no adro da Igrexa, inaugurado en 2002

O primeiro párroco foi Francisco Lorenzo Mariño, que chegou en outubro de 1959, sendo nomeado polo Cardenal Quiroga Palacios o 20 de setembro dese mesmo ano. Era a súa primeira parroquia como tal, xa que ata o momento so estivera como coadxutor en Sada durante dous anos, xa que foi ordeado Sacerdote no 1956. Naceu en Porto do Son, orfo de pai, viviu a infancia na Coruña, estudiou en Comiñas e Licencíouse en Teoloxía pola Universidade Gregoriana de Roma, onde pasou boa parte dos seus estudios (Roma, Milán, Venecia, Nápoles...).


Cristo e Altar da Igrexa Parroquial no acto de Homenaxe póstuma no 2004

A Igrexa Parroquial inaugurouse no 1967, as obras empezaron no 1963, foi diseñada orixinalmente polo párroco coa forma dun barco, aberta e dunha sola nave, decorada posteriormente con temática mariñeira. Casa Rectoral e campanario semellantes á ponte dun barco, contando o segundo co escudo e a bandeira de Galicia gravados en cemento e pintados ó efecto (en pleno Réxime Franquista). Entre outros méritos, o templo conta con ser o primeiro de Galicia en ter todo integramente en galego (viacrucis incluídos), feitos e pintados nos cemento fresco das paredes. A liturxia foi unha das primeiras (por non decir a primeira, hai dúbidas de se Manuel Espiña, Chao Rego ou outro misaron antes en galego) en lingua galega, pero a primeira en celebrar principalmente na nosa lingua e realizar unicamente unha única Misa en castelán á semana (agás peticións particulares), así como a celebración de todos os Sacramentos (Bodas, bautizos, Primeiras Comuñóns, Funerais, Confesión...). A música da liturxia tamén era e é en galego, o mesmo que as oracións, dalí sairon as primeiras cancións ideadas por Andrés Torres Queiruga entre outros en Roma (a finais da década dos ´50) como "Onda ti noso pai á tardiña", "Santo es ti", "Adeus irmán", "Esa é María, a nosa Nai" ou "Xesús é o capitán".


Obras no interior da Igrexa Parroquial no ano 2005

O sagrario é de pedras da praia simulando un dolmen, o Cristo crucificado está colgado con cabos mariñeiros de barcos de Aguiño (algúns de naufraxios), as lámapadas simulan salvavidas mariñerios, o púlpito é o timón dunha embarcación, os apliques laterais son candís de barcos, as fiestras da porta principal son ollos de boi, poutadas, áncoras, patelas, e un longo etcétera de temática mariñeira. No ano 2000 D. Francisco fixo os viacrucis sobre corcho empregando debuxos e imaxes de AD Rodriguez Castelao, así como colgar os medallóns de Sargadelos das Romaxes de Crentes Galegos (con estos mesmos medallóns estaba decorado durante a década dos ´90 o adro), e no ano 2003 unhas pedras enchoupadas de chapapote da praia de Pinisqueira foron parar como decoración dun lateral da Igrexa Parroquial.

Asistentes á Homenaxe póstuma a D. Francisco en 2004

Tamén conta con catro cadros de Manuel Ayaso realizados e donados polo propio autor ó cura e á parroquia no ano 2003. O templo foi remodelado, así como as imaxes do Neno e a Virxe (que se atopaban apolillados e degradados) no ano 2005 baixo a dirección de Álvaro Barros Quivén, segundo cura de Aguiño (de novembro de 2004 a setembro 2006), así como ampliado o Local Parroquial, ó que se lle puxo o nome de Francisco Lorenzo Mariño e se ampliou en 120 m2, remodelando todo o interior e exterior.

Adro e fachada da Igrexa de Aguiño na Festa do Outono de 2003

No exterior da Igrexa Parroquial, o adro conta cun hórreo de procedencia descoñecida que foi adquirido por D. Francisco na década dos ´60, así como un cruceiro de pedra cun Cristo tallado e un reloxo de sol, o busto en pedra do propio D. Paco, que foi inaugurado no ano 2000 nun acto popular de agradecemento ó parroco, tamén conta cunha pequena Virxe e un Moucho de pedra na fachada do templo, e unha pedra do mar cunha placa de lembranza baixo unha grande cruz branca inaugurada en febreiro de 2004, un mes despois do seu pasamento.


Sagrario, Cadro de Ayaso e Certificado da Medalla de Galicia concedida a D. Francisco polo Parlamento no ano 2002

Por último, sinalar, que a principal rúa de Aguiño leva o nome de Don Francisco, votada en Pleno Municipal coa unanimidade de toda a Corporación Municipal baixo o mandato de José Luis Torres Colomer, inaugurada en xullo do 2003 coa presenza do Arcebispo de Santiago, Xulián Barrio e doutras autoridades civís e relixiosas.


José Luis e Leonor inauguraron a placa na Homenaxe póstuma a D. Paco no 2004

.............................

Ningún comentario:

Publicar un comentario