venres, 29 de maio de 2009

ACTO INSTITUCIONAL DO 9 DE MAIO - AGUIÑO, 50 ANOS DE PARROQUIA (1959-2009)

Membros da Asociación que organizaron o acto

O sábado 9 de maio deste ano, coincidindo en día de semana co 9 de maio de 1959, celebramos os actos institucionais do 50 Aniversario da fundación da Parroquia de Aguiño baixo advocación de Nosa Señora do Carme, Patroa das xentes do mar.

Campanario de Aguiño coa pancarta conmemorativa

O transcurso dos actos estivo supervisado en todo momento por socios/as da nosa entidade, así como por integrantes da Xunta Directiva que se encargaron de organizar o ágape, a ceremonia, a entrega de distincións, a colocación da placa conmemorativa, os pasarrúas de gaitas do País e a tirada de bombas que se prolongou ó longo do día.

Membros da entidade preparando o Ágape

Foron numerosos os medios de comunicación social que se fixeron eco deste evento, relatando ó día seguinte o transcurso das actividades, así como os distintos protagonistas, e sobre todo, a ledicia das celebracións compartidas por preto dun milleiro de veciños e visitantes.

Numerosos veciños e visitantes ateigaron a Igrexa Parroquial

Foron homenaxeados e distinguidos Andrés Torres Queiruga como Aguiñés de Honra, Manuel Ayaso Dios como Aguiñés das Artes, Ricardo Pérez Queiruga como Benefactor de Aguiño e Xosé Chao Rego, Manuel Espiña Gamallo e Manuel Dourado Deira como Amigos de Aguiño.

Coral do Círculo Mercantil de Riveira na ceremonia

Tamén se entregaron agasallos conmemorativos da efeméride ó Concello de Riveira e o seu Alcalde, Xosé Luis Torres Colomer; á Xunta de Galicia na representación da Conselleira do Mar, Rosa Quintana; ó Arzobispado de Santiago e o Bispo Xulián Barrio Barrio; ó Administrador de Aguiño e Sacerdotes que atenden a Parroquia, Cesáreo e Ramiro Canabal e Enrique Fernández, e á Coral do Círculo Mercantil de Riveira e ó seu director, Antonio Fernández.

Unai González Suárez pronunciando o discurso institucional

Houbo tamén un sentido recordo na lembranza presente de quen nos acompaña e alenta, Francisco Lorenzo Mariño, neste ano no que ademáis conmemoramos un lustro do seu pasamento aquel 16 de xaneiro de 2004. E por suposto, un sonado apláuso para todo o pobo de Aguiño, para as veciñas e veciños, ilustres anónimos, que contribuíron co seu esforzo e traballo cotián a crear e fortalecer o pobo e a parroquia que hoxe disfrutamos.

A celebración relixiosa estivo presidida polo Arcebispo Xulián Barrio, acompañado de Andrés Torres Queiruga, Cesáreo Canabal e Enrique Fernández. Tamén fixeron a Confirmación 15 rapaces/as da Parroquia. A eucaristía estivo cantada pola Coral do Círculo Mercantil e Industrial de Riveira. Ó rematar os actos, o Presidente da asociación, Unai González Suárez, en nome da entidade e das outras asociacións do pobo que consensuaron os nomeamentos dos homenaxeados, pronunciou un sentido discurso e entregou as distincións, facéndose eco da solicitude veciñal do nomeamento dun novo Párroco propio e axeitado para a singularidade do pobo de Aguiño.

Preto dun milleiro de personas compartiron o Viño Galego

Xa no exterior, o Arcebispo e o Alcalde de Riveira, na presenza das numerosas autoridades e dos veciños/as de Aguiño, descubriron a Placa Conmemorativa da efeméride que foi colocada na fachada esquerda da Igrexa Parroquial. O Grupo de Gaitas A Gandaina entonou o Himno Galego e unha estrondosa traca de bombas dou por concluído o ceremonial do acto.

A continuación, todos os asistentes, preto dun milleiro de personas, disfrutaron dun Viño Galego na R/ da Igrexa e servido pola Asociación Francisco Lorenzo Mariño e consistente en 18 empanadas, 12 carrapitos, 12 bizcochos, 20 tortillas, 1500 panecillos con embutido, 100 bolsas de patacas fritidas, 15 kg de cacahuetes, 12 kg de aceitunas, 200 kg de mexilón á vinagreta, 90 botellas de Mencía, 48 botellas de Ribeiro, 220 litros de refrescos e 90 litros de auga.

Pola noite, no cruce de Aguiño, e por cortesía da Agrupación Organizadora da Festa dos Maios, máis dun milleiro de personas asistiron á verbena a cargo do Grupo Azalea e da fantástica e recoñecida Orquestra Cunter´s.

Agardamos que este evento foxe do agrado de todas e todos, informamos que dende a asociación seguimos a traballar para organizar outras actividades, tales como foi o Día da Bici o pasado 24 de maio, ou será a Presentación Oficial da web de Aguiño o vindeiro mes de xuño, unha actividade literaria, a Mostra de Teatro de Inverno, a Romaxe de Crentes Galegos, a publicación dun libro de historia e unha exposición de documentos, xornadas e conferencias culturais, etc.


Queremos agradecer a colaboración de Caixanova, CONRESA, Aliprox, Etelvina, Publicolor, Combustibles Puebla, Construccions Mariscal, Construcciones Aguiño, Initel, Librería Master, Tapicería González, Farmacia Enguíx de Palmeira, Florerías de Aguiño e de todas as personas que colaboraron con nós para facer os actos, así como de todos os negocios de Aguiño e Ribeira que teñen o PETO para os donativos para os actos deste 50 ANIVERSARIO.


Se queredes colaborar economicamente con este proxecto, podedes facelo nas contas que esta asociación ten abertas en Caixanova e Caixagalicia indicando o nome da empresa ou persona que realiza o donativo, colaboración ou patrocinio. Anticipamos grazas pola vosa axuda:

Contas da ACRV Francisco Lorenzo Mariño (CIF G-70038039):

Caixagalicia Aguiño:
2091 0339 76 3000034382
Caixanova Ribeira:
2080 0158 32 0000034862

........................................
Asociación Francisco Lorenzo Mariño
..............................................

luns, 25 de maio de 2009

DIA DA BICI EN AGUIÑO - MAIO 2009


O Día da Bici foi un éxito rotundo, case trescentas personas se achegaron a Aguiño para participar nesta actividade organizada pola Concellería de Deportes de Riveira, a Peña Tahume e a nosa asociación con motivo do 50 Aniversario da Parroquia.

Foron 41 rapaciños os que se inscribiron directamente no posto que levantou a asociación ó pé da lonxa no porto de Aguiño, pero case un cento as personas que se achegaron á actividade. Participaron 15 personas da entidade para que todo estivese OK!



Ás doce da mañá chegou o pelotón procedente de Ribeira con dous centos de personas de todas as idades, foron recibidos con gorras co logo da entidade e bocadiños, augas e refrescos variados.



Unha nova actividade de éxito nas celebracións dos 50 ANOS DE PARROQUIA.


Agardamos seguir realizando eventos, os vindeiros días presentaremos oficialmente a páxina web www.aguiño.com


Grazas por colaborar e por participar!

venres, 15 de maio de 2009

DÍA DA BICI EN AGUIÑO - DOMINGO 24 DE MAIO DE 2009

A nosa asociación, en colaboración coa Concellería de Deporte do Concello de Riveira organizan o DÍA DA BICI 2009, que terá lugar o vindeiro domingo 24 de maio con saída ás 11:15 h da Praza do Concello de Riveira, traslado dos participantes ata o porto de Aguiño e regreso á capital municipal.

Nesta ocasión, a delegación de máis varios centos de participantes de todas as idades, serán recibidos en Aguiño por membros da asociación Francisco Lorenzo Mariño, que ataviados coa camiseta conmemorativa daranlles a benvida con motivo do 50 ANIVERSARIO DA FUNDACIÓN DA PARROQUIA (1959-2009), convidándoos a uns pinchos e refrescos, así como agasallando a cada un dos 200 primeiros participante cunha gorra cos logo da efeméride que estamos a celebrar.
...........................
Para os nenos e nenas de
Aguiño menores de 10 anos
........................
Os nenos e nenas de Aguiño menores de 10 anos poderán dirixirse directamente ó Porto do noso pobo (ao carón da lonxa) para inscribirse de 11:15 a 11:50 h, terán que ir coa bicicleta e acompañados dun adulto, os 50 primeiros recibirán unha gorra conmemorativa do 50 Aniversario da Parroquia de Aguiño, tamén terán bocadiños e refrescos e logo acompañarán á comitiva de máis de varios centos de participantes ata a saída de Aguiño en dirección a Castiñeiras
(A Pontella en Listres).

Esta actividade súmase ás xa realizadas no que vai de ano, e ben a cubrir un espazo no mes de maio no que tamén presentaremos oficialmente a web www.aguiño.com, onde haberá contidos de todo tipo sobre o noso pobo e facendo fincapé na historia e a memoria do último médio século.

Agardamos que a esta iniciativa se sume a maior xente posible, recordando que deben inscribirse o mesmo día de celebración en Riveira, ó regreso sortearánse diversos agasallos e material deportivo entre os participantes.

Animádevos a colaborar e a participar!

Unai González Suárez
ACRV Francisco Lorenzo Mariño

venres, 8 de maio de 2009

DISTINCIÓNS OTORGADAS CON MOTIVO DO 50 ANIVERSARIO DA PARROQUIA DE AGUIÑO





Xa se coñecen os distinguidos polo pobo de Aguiño
na conmemoración do seu 50 aniversario como parroquia


Santa Uxía de Riveira, 7 de maio de 2009. A Asociación Cultural, Recreativa e Veciñal Francisco Lorenzo Mariño, fundada no 2005 co ánimo de “dinamizar e alentar a vida cultural, social e recreativa do pobo de Aguiño, defender os intereses da súa veciñanza e sectores económicos e manter, difundir e continuar a laboura de Don Francisco e a súa propia figura (Art. 3 dos estatutos)”, presidida dende aquela e ata a actualidade por Unai González Suárez, deu a coñecer ás personalidades que distinguirá este 9 de maio de 2009, Día Grande do 50 aniversario de Aguiño como parroquia.




Andrés Torres Queiruga, Aguiñés de Honra




É a distinción principal e lévaa o teólogo, filósofo e sacerdote nado en Aguiño o 28 de maio de 1940. É Doutor en Teoloxía pola Universidade Gregoriana de Roma en 1973 e Licenciado en Filosofía pola Univ. de Comiñas no 1962 e Santiago en 1985. É membro numerario da Real Academia Galega, do Consello da Cultura Galega, foi fundador e Director da Revista Encrucillada, colaborador de máis dun cento de publicacións relixiosas e laicas, e autor de numerosas obras traducidas a idiomas como o castelán, portugués, alemán, inglés, italiano que foron publicadas en máis dunha dúcia de países de Europa e América, participando en foros e congresos internacionais celebrados por toda a xeografía mundial.


Está considerado o teólogo galego máis importante da posguerra e un dos máis destacados do mundo. É autor de títulos como Teoloxía e Sociedade, Recuperá-la salvación, Nova Aproximación a unha filosofía da saudade, Rolda de ideas, Creo en Deus Pai, O inferno a revisión… e un longo etcétera. Foi Medalla Castelao de Galicia, Socio de Honra de Irimia e da Asoc. A Dourixeira e a Comisión de Festas de Aguiño. Defensor da cultura e o idioma galegos, da Igrexa do pobo e do apostolado que defende o Vaticano II, é introductor dos cántigos galegos nas celebracións católicas e un dos traductores da Biblia en galego. Considerando que é o aguiñés máis universal, que defende o nome do seu pobo e contribue co seu traballo e laboura a divulgalo, promovelo, así como ós seus veciños e veciñas, sendo impulsor de numerosas iniciativas sociais, culturais e veciñais en Aguiño da man de Don Francisco Lorenzo, creémolo unánimemente o único e máis indicado candidato para este mérito histórico que leva parexo ademáis o de ser nomeado SOCIO DE HORNA DA ACRV FRANCISCO LORENZO MARIÑO, igual que todos os distinguidos nesta ocasión.

Aguiñés das Artes: Manuel Ayaso.


Nado en Aguiño en 1934, realiza estudos artísticos na Newark School of Fine e no Industrial Arts de Newark (Jersey). Pintor autodidacta recoñecido internacionalmente e que triunfou fundamentalmente en Estados Unidos de América, autor dun estilo propio que o fixo destacar no gravado e a estampa dixital. Realizou máis dun cento de exposicións por todo o mundo entre os que destacamos Miami, Los Ángeles, Washington, New Cork, Jersey, Vaticano, Roma, París, Donostia, Madrid, Barcelona, Lisboa, Vigo, Santiago, Coruña e Ribeira. No ano 2002 donou catro cadros para a Igrexa do Carme de Aguiño, de temática propia e sobre o “Cristo do Carreiro ou Mariñeiro” que el interpreta vela por Aguiño, os mariñeiros e as súas xentes. Tamén diseñou unhas acuarelas como bocetos para as vidrieiras do templo parroquial (que nunca se realizaron). Por todos estes méritos profesionais e personais, contribuíndo a promover Aguiño e as súas xentes, sendo o mellor promotor e divulgador do noso pobo dentro do campo da cultura e as artes, considerámolo o maior merecedor da distinción de AGUIÑES DAS ARTES e Socio de Honra da ACRV FLM.


Benefactor de Aguiño: Ricardo Pérez Queiruga


(Ribeira, 10 de marzo de 1929), Maestro e Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC. Foi mestre, director da Caixa de Aforros e Patrón Maior de Aguiño. Alcalde de Riveira en dúas ocasións (1975-78 e 1987-91), Director Xeral de Pesca, Diputado provincial, Parlamentario galego e senador. Residiu en Aguiño durante máis de catro décadas, sendo impulsor de numerosas iniciativas sociais, culturais, deportivas e económicas, destacando no sector da pesca e o marisqueo, o deporte e a educación, fundando entidades e asociacións como o Xuventú Aguiño, do que foi o primeiro entrenador. A súa xestión e loita como Patrón Maior e Alcalde está detrás da vella lonxa do peixe, da ampliación do porto, do edificio do pósito, dos frigoríficos da cofradía, da extinguida praza de abastos, do campo de futbol, do grupo escolar e de varias rúas, saneamento e alumeado público, entre outras. Foi un referente político e social da súa época, valedor de Aguiño e loitador polo desenvolvemento económico e social desta vila mariñeira, polo que o consideramos o maior merecedor, entre varios candidatos, da distinción de BENEFACTOR DE AGUIÑO e Socio de Honra da ACRV FLM.

Amigo de Aguiño: Xosé Chao Rego

(Vilalba, 1932), Licenciado en Filosofía pola Universidade de Salamanca e Teoloxía en Roma. Fáise cargo durante tres cursos da dirección do Seminario Maior de Santiago. Exerceu de párroco durante 17 anos na parroquia de Santa Mariña do Vilar, en Ferrol, en anos clave do tardo-franquismo. En 1976 retírase á casa natal de Vilalba, coa idea de se dedicar ao estudio e á publicación cultural e relixiosa. Actualmente é unha das principais figuras peninsulares no ámbito do ensaio sobre temas antropolóxicos e teolóxicos. Foi promotor das revistas de renovación cristiá "Irimia" (onde escribe moitos dos anónimos "Cantares do Irimego") e "Encrucillada". Tamén mantén unha columna semanal no xornal "La Voz de Galicia". Recibiu o Premio de Ensaio da Crítica en 1983, foi finalista do Premio Nacional de Literatura polo seu ensaio "Eu renazo galego" e no ano 2002 dedicóuselle o Día das Letras Chairegas. Entre o máis de medico cento de obras publicadas podemos destacar A lenda do pedregal de Irimia, A condición homosexual, Biblia Popular Galega, Eu renazo galego; ensaio sobre a identidade galega, Os tempos son chegados e Un futuro para a lingua.

Amigo de Aguiño: Manuel Dourado Deira

(Rianxo, 30 de agosto de 1929), Mestre, é colaborador en lingua galega de xornais e revistas, nas que presta grande atención aos temas do Barbanza, sobre todo en El Correo Gallego. Na revista Encrucillada publicou algúns traballos sobre autores rianxeiros. Entre os milleiros de artigos de Dourado, cómpre sinalar os que fan referencia a escritores da nosa bisbarra entre os que se atopan os adicados a Don Francisco ou ó pobo de Aguiño, como a polémica mantida co entonces Administrador Parroquial de Aguiño, Ricardo Villaverde (no 2004) sobre o escudo de Castelao, a Medalla de Galicia, os Viacrucis da Igrexa ou a labor pastoral de D. Paco en Aguiño durante 45 anos. Publicou en revistas como Logos, Grial, Irimia e varios volumen de Barbantia, ademáis de xornais como El Correo ou El Ideal Gallego. No ano 2008 recibiu o Sireno de Bronce de Barbantia pola súa traxectorica cultural nesta comarca.

Amigo de Aguiño: Manuel Espiña Gamallo

(25 xullo de 1933), Sacerdote e Teólogo pola Universidade de Comillas, foi Director Espiritual do Seminario Menor de Belvís (Santiago), erradicando os castigos aos estudantes por falar en galego en 1962. Imparteu clases na Universidade da Coruña, na Real Colexiata e no Seminario-Hogar de Santa Margarita da cidade Herculina. Destaca por colaborar na tradución dos Evangelios ó galego en 1966, a primeira Misa Galega fixa nas Capuchinas de Coruña e o primeiro Misal galego con Mourente, polo que recibe no 1968 o premio Pedrón de Ouro. Presisidu as Xornadas Patrióticas Galegas en Argentina e Uruguai nos anos 1978 e 1981 respectivamente. En xaneiro de 1970 empeza unha sección fixa en La Voz de Galicia baixo o título Outeiro de San Xusto dende onde denuncia a discriminación na Igrexa frente á cultura e lingua galega e o afastamento do Vaticano II, apoiando en numerosas ocasións a Don Francisco e a Parroquia de Aguiño. Funda a Asociación Cultural de Profesores da Coruña e CODELI. Dende 1978 ata a actualidade preside o Patronato de la Fundación Labaca e a Irmandade Médica Paulino. É vocal da Irmandade Moncho Valcarce e secretario da cooperativa CODELI e asesor de religión da Comunidad C. do Home Novo
(fundada en 1973).

Polos méritos que concorren en eles a nivel personal e profesional, contribuir a difundir, divulgar e dar a coñecer o nome do pobo de Aguiño e a súa veciñanza; participar na dinamización social, cultural, económica e relixiosa da Parroquia durante máis de corenta anos da man de Francisco Lorenzo ata o seu pasamento e despóis con esta entidade, apoiar a laboura de Don Francisco e a súa persona, participar na organización das Romaxes (1979 e 1995), nos Cruceiros, nos Coloquios de Parroquias, na Festa do Vento ou as Irimianzas, contribuir á evanxelización cristiá na nosa lingua e dende o espíritu do Vaticano II, e poñer o nome deste pobo nos libros de historia, nas publicacións relixiosas e en medios de comunicación como os xornais LA VOZ DE GALICIA, A NOSA TERRA, EL IDEAL GALLEGO, EL CORREO GALLEGO, LA REGIÓN, EL PROGRESO, DIARIO DE PONTEVEDRA, LA OPINIÓN ou revistas como ENCRUCILLADA, IRIMIA, LOGOS…, decidimos recoñecelos como dignos merecedores da distinción que conleva o ser nomeado AMIGO DE AGUIÑO, parrello ó nomeamento de Socio de Honra da ACRV FLM.
As tres primeiras distincións (Aguiñes de Honra, Aguiñés das Artes e Benefactor de Aguiño) corresponden a unha placa en estuche con texto gravado e pergamino conmemorativo, a de AMIGO DE AGUIÑO corresponde a unha peza de cerámica galega que representa unha pomba co poema Adeus Ríos, adeus fontes de Rosalía de Castro, cun pé con placa onde se recolle a distinción, e un pergamino conmemorativo como Socios de Honra.

Logo do acto religioso que estará presidido polo Arcebispo de Santiago e no que Confirmarán a súa FE quince mozos/as da Parroquia, entregaranse agasallos institucionais da entidade e conmemorativos da efeméride á Diócesi de Santiago e o Arcebispo, Julián Barrio Barrió, ó Concello de Riveira e o seu Alcalde, José Luis Torres Colomer, á Xunta de Galicia e a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, á Deputación de A Coruña, ó Administrador Parroquial, Cesáreo Canabal e os sacerdotes que atenden a parroquia de Aguiño, Ramiro Canabal e Enrique Fernández, e á Coral do Círculo Mercantil e o seu director Antonio Fernández que participan desinteresadamente neste acto. Está confirmada a presenza de, entre outras autoridades, Julián Barrio, Arcebispo de Santiago; José Luis Torres Colomer, Alcalde de Riveira e Senador; Rosa Quintana, Conselleira do Mar; Manuel Ruiz, Voceiro Popular no Parlamento de Galicia; e dos homenaxeados agás Manuel Ayaso, por atoparse en USA e Manuel Espiña por enfermidade.
Tras descubrir a placa de pedra conmemorativa no Adro da Igrexa (será descuberta polo Alcalde e o Arcebispo), haberá unha tirada de bombas e un viño galego amenizado polas gaitas de A Gandaina,. Rematarán os actos coa verbena no cruce de Aguiño a cargo de Los Cunter´s e Azalea.