venres, 29 de maio de 2009

ACTO INSTITUCIONAL DO 9 DE MAIO - AGUIÑO, 50 ANOS DE PARROQUIA (1959-2009)

Membros da Asociación que organizaron o acto

O sábado 9 de maio deste ano, coincidindo en día de semana co 9 de maio de 1959, celebramos os actos institucionais do 50 Aniversario da fundación da Parroquia de Aguiño baixo advocación de Nosa Señora do Carme, Patroa das xentes do mar.

Campanario de Aguiño coa pancarta conmemorativa

O transcurso dos actos estivo supervisado en todo momento por socios/as da nosa entidade, así como por integrantes da Xunta Directiva que se encargaron de organizar o ágape, a ceremonia, a entrega de distincións, a colocación da placa conmemorativa, os pasarrúas de gaitas do País e a tirada de bombas que se prolongou ó longo do día.

Membros da entidade preparando o Ágape

Foron numerosos os medios de comunicación social que se fixeron eco deste evento, relatando ó día seguinte o transcurso das actividades, así como os distintos protagonistas, e sobre todo, a ledicia das celebracións compartidas por preto dun milleiro de veciños e visitantes.

Numerosos veciños e visitantes ateigaron a Igrexa Parroquial

Foron homenaxeados e distinguidos Andrés Torres Queiruga como Aguiñés de Honra, Manuel Ayaso Dios como Aguiñés das Artes, Ricardo Pérez Queiruga como Benefactor de Aguiño e Xosé Chao Rego, Manuel Espiña Gamallo e Manuel Dourado Deira como Amigos de Aguiño.

Coral do Círculo Mercantil de Riveira na ceremonia

Tamén se entregaron agasallos conmemorativos da efeméride ó Concello de Riveira e o seu Alcalde, Xosé Luis Torres Colomer; á Xunta de Galicia na representación da Conselleira do Mar, Rosa Quintana; ó Arzobispado de Santiago e o Bispo Xulián Barrio Barrio; ó Administrador de Aguiño e Sacerdotes que atenden a Parroquia, Cesáreo e Ramiro Canabal e Enrique Fernández, e á Coral do Círculo Mercantil de Riveira e ó seu director, Antonio Fernández.

Unai González Suárez pronunciando o discurso institucional

Houbo tamén un sentido recordo na lembranza presente de quen nos acompaña e alenta, Francisco Lorenzo Mariño, neste ano no que ademáis conmemoramos un lustro do seu pasamento aquel 16 de xaneiro de 2004. E por suposto, un sonado apláuso para todo o pobo de Aguiño, para as veciñas e veciños, ilustres anónimos, que contribuíron co seu esforzo e traballo cotián a crear e fortalecer o pobo e a parroquia que hoxe disfrutamos.

A celebración relixiosa estivo presidida polo Arcebispo Xulián Barrio, acompañado de Andrés Torres Queiruga, Cesáreo Canabal e Enrique Fernández. Tamén fixeron a Confirmación 15 rapaces/as da Parroquia. A eucaristía estivo cantada pola Coral do Círculo Mercantil e Industrial de Riveira. Ó rematar os actos, o Presidente da asociación, Unai González Suárez, en nome da entidade e das outras asociacións do pobo que consensuaron os nomeamentos dos homenaxeados, pronunciou un sentido discurso e entregou as distincións, facéndose eco da solicitude veciñal do nomeamento dun novo Párroco propio e axeitado para a singularidade do pobo de Aguiño.

Preto dun milleiro de personas compartiron o Viño Galego

Xa no exterior, o Arcebispo e o Alcalde de Riveira, na presenza das numerosas autoridades e dos veciños/as de Aguiño, descubriron a Placa Conmemorativa da efeméride que foi colocada na fachada esquerda da Igrexa Parroquial. O Grupo de Gaitas A Gandaina entonou o Himno Galego e unha estrondosa traca de bombas dou por concluído o ceremonial do acto.

A continuación, todos os asistentes, preto dun milleiro de personas, disfrutaron dun Viño Galego na R/ da Igrexa e servido pola Asociación Francisco Lorenzo Mariño e consistente en 18 empanadas, 12 carrapitos, 12 bizcochos, 20 tortillas, 1500 panecillos con embutido, 100 bolsas de patacas fritidas, 15 kg de cacahuetes, 12 kg de aceitunas, 200 kg de mexilón á vinagreta, 90 botellas de Mencía, 48 botellas de Ribeiro, 220 litros de refrescos e 90 litros de auga.

Pola noite, no cruce de Aguiño, e por cortesía da Agrupación Organizadora da Festa dos Maios, máis dun milleiro de personas asistiron á verbena a cargo do Grupo Azalea e da fantástica e recoñecida Orquestra Cunter´s.

Agardamos que este evento foxe do agrado de todas e todos, informamos que dende a asociación seguimos a traballar para organizar outras actividades, tales como foi o Día da Bici o pasado 24 de maio, ou será a Presentación Oficial da web de Aguiño o vindeiro mes de xuño, unha actividade literaria, a Mostra de Teatro de Inverno, a Romaxe de Crentes Galegos, a publicación dun libro de historia e unha exposición de documentos, xornadas e conferencias culturais, etc.


Queremos agradecer a colaboración de Caixanova, CONRESA, Aliprox, Etelvina, Publicolor, Combustibles Puebla, Construccions Mariscal, Construcciones Aguiño, Initel, Librería Master, Tapicería González, Farmacia Enguíx de Palmeira, Florerías de Aguiño e de todas as personas que colaboraron con nós para facer os actos, así como de todos os negocios de Aguiño e Ribeira que teñen o PETO para os donativos para os actos deste 50 ANIVERSARIO.


Se queredes colaborar economicamente con este proxecto, podedes facelo nas contas que esta asociación ten abertas en Caixanova e Caixagalicia indicando o nome da empresa ou persona que realiza o donativo, colaboración ou patrocinio. Anticipamos grazas pola vosa axuda:

Contas da ACRV Francisco Lorenzo Mariño (CIF G-70038039):

Caixagalicia Aguiño:
2091 0339 76 3000034382
Caixanova Ribeira:
2080 0158 32 0000034862

........................................
Asociación Francisco Lorenzo Mariño
..............................................

Ningún comentario:

Publicar un comentario