venres, 23 de abril de 2010
PEREGRINACIÓN XACOBEA POLA RUTA DO MAR DE AROUSA E RÍO ULLA * AGUIÑO-SANTIAGO
A asociación volve a realizar unha actividade cultural, esta vez con motivo da celebración do Ano Santo 2010. Trátase dunha Peregrinación pola Ruta do mar de Arousa e río Ulla o sábado 5 de xuño con saída en catamarán ás 08:15 h até Cesures-Padrón, visita á Fonte do Carme, Pedrón, Igrexa de Iria Flavia... e obtención da Carta de Pedronía nesta vila. Camiñata a pé até Santiago con parada para xantar, Misa do Peregrino na Catedral de Santiago e regreso ao redor das 22 h.
O prezo é de 15 € por persona e hai 110 prazas, a entidade asume o 50% do prezo da viaxe xa que custa realmente 30 €. A entrada inclúe catamarán, autobús escoba e de regreso e chaleco e gorra serigrafiada cos logos da entidade.
Aproveitamos esta actividade para realizar unha reivindicación pacífica do nomeamento dun párroco titular para o noso pobo, tal e como realizamos xa noutros eventos organizados por esta asociación como o Acto Institucional do 9 de Maio de 2009, a XXXII Romaxe de Crentes Galegos ou a publicación do libro da Historia de Aguiño o pasado ano. Para elo levaremos unha pancarta na que se poderá ler a mensaxe "FACENDO O CAMIÑO POR UN PÁRROCO PARA AGUIÑO".
Dende a entidade agradecemos a labor pastoral que están a realizar o Administrador Parroquial, Cesáreo Canabal, e os sacerdotes Enrique Fernández e Ramiro Canabal no noso pobo; tamén agradecemos ao Arzobispado a boa sintonía que ten coa nosa asociación e co pobo de Aguiño ao estar estudando con agarimo unha solución á falta de párroco, sabemos que cedo nos darán unha resposta e entendemos a súa dificultade dado o grande número de parroquias na mesma situación, pero é a nosa obriga seguir reclamando, de xeito creativo e amistoso, o nomeamento dun párroco propio.
Para calquera consulta ou reservar invitacións, podedes dirixirvos aos teléfonos: 981840513 - 981 841260 - 981841105 ou ao correo electrónico aflm.aguinho@gmail.com
Máis información en www.aguiño.com e www.riveira.com/webaguino
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario