sábado, 22 de agosto de 2009

XXXII ROMAXE DE CRENTES GALEGOS EN AGUIÑO

XXXII ROMAXE DE CRENTES GALEGOS
AGUIÑO, UN MAR DE GRAZAS
Sábado 12 de setembro de 2009



Un dos actos principais da celebración do 50 aniversario da Parroquia de Aguiño, trátase da XXXII Romaxe de Crentes Galegos que terá lugar o vindeiro Sábado 12 de setembro de 2009 no lugar de Couso do noso pobo; este evento está organizado pola asociación Francisco Lorenzo Mariño e IRIMIA. Contamos coa colaboración do Concello de Riveira e en especial da CONCELLERÍA DE CULTURA E FESTEXOS que dirixe Luciano Fernández e que nesta ocasión aporta parte da infraestructura da celebración. Tamén colaboran a Asociación Ardora que dirixe Dolores Pérez e a Asociación a Dourixeira-Comisión de Festas que dirixe Julio Abraldes. Contamos tamén coa colaboración de varias empresas como Angel López Soto, Clínica Dental Gonzalo López Castro, Panaderías Falcón e Isabel e os grupos de gaitas A Gandaina de Palmeira e Arume de Boiro.

Na celebración participarán ao redor de 150 personas directamente na organización, facéndose cargo de temas como a acollida aos participantes, que estimamos en máis de 5000 personas procedentes de toda Galicia, na cantina, no acto de celebración, no aparcamento dos máis de 60 autobuses e 500 turismos que se agardan, na liturxia, na animación, no xantar, na sinalización, etc. Estas personas estarán identificadas cunhas gorras e camisetas de organización, ademáis de con chalecos reflectantes os encargados dos aparcadoiros e sinalización; son socios/as de Francisco Lorenzo Mariño e A Dourixeira.

No lugar teremos debidamente sinalizadas as zonas de aparcamento para autobuses e para turismos e contaremos coa colaboración da Policía Local e Protección Civil de Riveira. Tamén haberá unha Cantina da organización onde poder tomar cervexa, refrescos, agua, café e chupitos a prezos populares para axudar á financiación do evento; asemade, venderánse os típicos medallóns de sargadelos conmemorativo e deseñado en exclusiva para esta ocasión, ademais de camisetas e chaveiros.
Tamén haberá pequenos postos de artesanía, productos da terra e comercio xusto, sempre xestionados por ONG´s e con fins solidarios, quedando excluído da celebración calquera tipo de venda con ánimo de lucro.

A celebración garda grandes sorpresas como unha bendición de augas chegadas de moitos lugares de Galicia, a procesión do Evanxeo con pancartas solidarias e reivindicativas na defensa da terra, do mar, da lingua, do traballo, da vivenda, da cultura, dunha igrexa católica de base achegada ao pobo e non xerarquizada, etc; sempre con ánimo de comunidade, pacífica, despolitizada e cunha proposta de achegamento a todos os sectores e estamentos cristiáns, políticos, económicos e sociais.

Esta é a 32 edición desta celebración que naceu no 1978 co ánimo de unir FE e Galeguidade e tivo lugar no nacemento do Río Miño, a segunda quixo facerse mariñeira e tivo lugar en Aguiño da man de Francisco Lorenzo, Chao Rego, Tori Pérez Prieto, Manolo Regal, Bernardino Graña, Francisco Carballo, Manuel Espiña, etc. Tamén no ano 1995 tivo lugar a segunda de Aguiño (único lugar onde se celebrou en máis dunha ocasión), xa coa presenza de outra xente ademais dos anteriores, tales como Rubén Aramburu, Andrés Torres Queiruga, Xabi Blanco, etc. Esta é a III Romaxe en Aguiño, coincide co 50 aniversario da Fundación da Parroquia e fai tamén tres décadas que tivo lugar a primeira no noso pobo baixo o lema “Batidos polo mar”. Na do 1978 houbo case tres milleiros de personas, na do 1995 foron máis de cinco milleiros (a máis numerosa na historia das Romaxes), este ano agardamos superar esta cifra e alcanzar os 6000.
A nosa asociación editou 200 carteis coa programación, 4 lonas de carretera e 1 de farola, tamén o difundiremos a través da nosa web e coa colaboración dos medios de comunicación públicos. IRIMIA tamén o difunde na súa revista quincenal que conta cunha tirada de 5000 exemplares e máis de 2000 subscritores, así como todos os grupos que participan na Romaxe como o Colectivo Home Novo da Coruña, Cristo da Victoria de Vigo, San Tomé de Piñeiro de Marín, Mulleres Rurais Galegas, Galiza non se vende, Coordinadora de Cristiáns Galegos, Amigos de Mazaricos, etc, etc das 4 provincias galegas.

O programa da Romaxe será o seguinte:

10:00 h Bombas de palenque anunciarán a Romaxe
10:00 h Pasarrúas con Arume e A Gandaina por Aguiño
11:00 h Acollida con Mexilón e Viño de balde en Couso
12:00 h Celebración no Miradoiro de Couso
14:00 h Xantar Compartido no Merendoiro
16:00 h Concerto da Quenlla en Couso
18:30 h Oración da tardiña na Igrexa de Aguiño

É importante destacar que haberá unha carpa de 900 m2 por se chove ou hai moito sol, tamén haberá cantina a prezos populares. Sinalizaremos o lugar dende a sáida da autovía en Xarás, nas Saiñas-Palmeira, no Cruce do Vilar en Carreira e no Malecón de Ribeira. Tamén no Cruce de Aguiño e na Graña-Couso.

Como sempre, a celebración durará un par de horas e estará amenizada polo Grupo Folk A Quenlla, recentes gañadores do Pedrón de Ouro e do Premio en defensa da Lingua Galega. Tamén haberá animación con gaitas de Arume e A Gandaina e a celebración mesturará elementos litúrxicos como a bendición das augas e o pan, a lectura do evanxeo, etc, cun texto realizado por Unai González Suárez, Xabi Blanco e Rubén Aramburu no que aparecerán representados e caracterizados os personaxes de Don Paco de Aguiño, a Serea de Sálvora, a Meiga e o Frade do Pedregal de Irimia ideados polo teólogo Chao Rego, unha Redeira de Aguiño e dous Guieiros da celebración, sen dúbida un texto ameno que une galeguidade, cristiandade, reivindicación laboral, económica e social, defensa da terra e do mar, do medio ambente e por suposto, a laboura e figura de Don Paco Lorenzo Mariño e a historia de Aguiño, Sálvora e Riveira dende a súa orixe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario